Taramundi

Coitelo Taramundi

Juan Carlos Quintana é un ferreiro de Taramundi que forma parte dun grupo de artesáns que seguen a dar continuidade a un legado que conta xa coa sétima xeración. Malia a recoller o saber facer máis ancestral da profesión, esta nova fornada de artesáns son coñecedores da necesidade de seren permeables aos cambios que a sociedade experimenta sen perder a identidade que os caracteriza.

Con este obxectivo de procurar variacións formais e novos ámbitos de aplicación para os seus produtos xorde a colaboración no deseño dun coitelo específico para un prato do chef Pepe Vieira. Coa apertura do seu novo restaurante que sitúa a carne á grella como elemento central, o chef decide construír arredor do chuletón toda unha experiencia gastronómica.

A folla do coitelo, de igual forma que as navallas de Taramundi, ten a punta caída sen chegar a ter o fío completamente recto. Un pequeno xesto que facilita o movemento de corte e distribúe a presión nunha proporción maior da lonxitude do fío. O mango de madeira de buxo e sección constante únese á folla mediante dous remaches que atravesan unha espiga curta que non chega a dividir o mango por completo en dúas metades.

Deseño para Pepe Vieira
Colaboración con Juan Carlos Quintana

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.