Xinzo

Vivenda Xinzo

A peza ten a súa orixe na sección da antiga construción existente na parcela, unha sección arquetípica da arquitectura popular dunha única altura con cuberta simétrica a dúas augas. A partir desa figura como elemento de integración comeza a peza a dimensionarse para dar resposta a un determinado programa funcional e a buscar a súa personalidade desde un plano máis expresivo.

No plano expresivo adóptase o ton humilde, sinxelo e honesto da edificación existente, expresándose mediante códigos máis propios dun almacén ou nave industrial que dunha vivenda. A pesar de que cada unha pertence a un tempo diferente, comparten a mesma sobriedade na súa formalización, configurándose como volumes de apariencia pechada e maciza, evitando o emprego de materiais e solucións construtivas superfluas e innecesarias.

Esta pauta faise extensiva ó interior, configurando un único espazo libre onde as pezas de equipamento van definindo os usos en cada punto, sen necesidade de efectuar divisións interiores. Esta transparencia e sinceridade construtiva queda reflexada nos acabados interiores, onde os materiais empregados na construción de muros, soleiras e planos de cuberta amósanse nus, sen complexos, buscando a dignidade do útil e necesario.

Colaboración con Carbajo Barrios para Iago Pazos
Fotografías de Roi Alonso

Finalista Hispalyt

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.