Varela
O último proxecto de Xosé Cannas baixo a marca paraugas do seu grupo Pepe Vieira é un restaurante no centro da vila de Pontevedra, no local da histórica ferretería Varela. O concepto artéllase arredor dunha cociña na que o lume representa o elemento central, revisitando con sutileza a figura xa clásica da churrasquería.
A proposta exténdese polas tres plantas do edificio, creando unha secuencia de ambientes alternativos, co obxectivo de dar resposta a preferencias e momentos diversos.
O carácter histórico da edificación, así como a identidade da antiga ferretería, determinan a linguaxe construtiva e a selección de materiais do restaurante. O carácter sobrio e industrial da arquitectura vaise equilibrando con elementos de menor escala, que aportan unha maior gama cromática e de texturas. O pragmatismo e a inmediatez da ferretería extrapólase ao deseño do equipamento do restaurante, resultando unha familia de pezas que harmonizan co contexto ao tempo que resolven necesidades específicas do novo uso.
—
Colaboración con Carbajo Barrios para Pepe Vieira
Fotografías de Roi Alonso