Monterrei
O proxecto da identidade gráfica e sinalización do recinto fortificado de Monterrei inscríbese no marco dunha intervención xeral de recuperación de edificacións, espazos públicos e viais do complexo histórico-artístico.
O peso da gráfica recae na tipografía Monterrei Sans, unha fonte display deseñada para a construción de títulos cunha única versión en caixa alta e dous pesos. Toma referencias na tipografía gótica empregada no incunable Misal Auriense, impreso en Monterrei no 1494, ao inclinar travesaños horizontais e cortes. As proporcións condensadas xorden en relación ás estreitas e alongadas fendas defensivas que se atopan con frecuencia nos muros do castelo.
A partir da letra -m-, alterando as proporcións e contraformas, obtense o símbolo corporativo, referíndose ao singular perfil do castelo siluetado polas dúas torres da homenaxe.
Na produción dos soportes de sinalización emprégase a forxa, unha técnica que, malia vincularse co pasado, resulta flexible e capaz de adaptarse ás necesidades e linguaxes formais contemporáneas.
Colaboración con Mais Types
Fotografías de Amador Loureiro, Edudardo Cruz, Arquivo Provincial de Ourense