Dando a lata
Un novo proxecto de estudio formado por tres deseñadores noveis atópase na tesitura de presentar ao mundo a súa proposta. Tomando como referencia a vella costume de levar un presente cando se fai unha visita, traballamos na idea dun pequeno obsequio que nos serve como carta de presentación e concentrado da filosofía do estudio.
A lata contén sementes de herba e substrato vexetal. Só con abrila e regala obtemos un pequeno xardín, un ferradiño verde no medio do espazo de traballo. A solución fai referencia ao sector conserveiro como xermolo do tecido industrial galego e tamén á realidade minifundista -piar fundamental da idiosincrasia do país-.